Skip to content

“Este premio serviume para volver a Galicia e reconciliarme co meu pobo”

19 abril, 2011

“Álvaro Cunqueiro era unha persoa encantadora e a pesar de que eu escribía para outro medio nomeoume corresponsal de FARO en París”

Cando Moncho Paz recibiu a chamada comunicándolle que acababa de gañar o premio Johán Carballeira de xornalismo, o primeiro que fixo foi poñerse en contacto con Ramón Chao para dicirlle que a “nosa” entrevista fora premiada. Chao, o entrevistado, tivo moi claro nese momento que quería estar en Bueu no acto de entrega. A viaxe serviulle para retornar tamén a súa Vilalba natal e pechar unha ferida aberta hai moitos anos por motivos familiares e pola publicación do libro “O lago de Como”. O venres percorreu de novo as súas rúas e nun acto na biblioteca do pobo selouse unha reconciliación que Chao, no seu foro interno, arelaba e precisaba para poder vivir.

–O Goberno francés concedeulle no 1991 o Galardón das Artes e das Letras e logo nomeárono Oficial das Letras. O Goberno español tamén o distinguiu coa Medalla ao Mérito Civil. Non recolleu ningunha desas tres importantes distincións, mais vén a Bueu, a un acto moito máis modesto e no que nin sequera é vostede o directamente premiado. Cuestión de prioridades?

–En primeiro lugar, porque ¡isto é Galicia! Eu non coñecía a Moncho antes da entrevista, de feito era algo cauteloso e cando me dixo que era de Vilalba aínda máis [risas]. Agora lévome moi ben con el e o venres levoume a Vilalba, onde me reconciliei co meu pobo. Agora sinto que teño un respaldo na vida porque antes estaba orfo, desahuciado. Un escritor cubano dixome unha vez: ‘Hai xente que rompe coa familia, pero ti rompiches con todo o pobo’. Pero agora, grazas ao Moncho e a este premio Johán Carballeira reintegreime e estou moi contento. Non cheguei a coñecer a Carballeira, pero Luis Seoane nunha semblanza que publicou sobre min no 1975 comparoume con el e con Julio Camba. So lle faltou facelo con Cunqueiro, pero isa xa sería moito!

–Que foi o que lle pasou con Vilalba e co libro “O lago de Como”. Realmente o trasfondo era a súa vila?

– Foi un malentendido. Eu creei un pobo imaxinario, como García Marquez fixo con Macondo. Era Reigada e alí coloquei cousas que me pasaron co meu pai, co piano… e anécdotas que recollín por todas as partes, sobre todo en Rábade, como a dunha parella de irmáns que vivían matrimonialmente. Pero no pobo empezaron a dicir que eran tal ou cual e toda vila púxose contra min. Fun o que tratei de explicar o venres e creo que saiu ben.

–Como foi que don Álvaro Cunqueiro chegou a nomealo como “corresponsal honorario” de FARO DE VIGO?

–Coñecín a Cunqueiro cando eu era moi pequeno xa que el paraba xunto a Castroviejo ou Celso Emilio Ferreiro no motel da miña familia. Xa pasados moitos anos e cando eu xa escribía, vin a Vigo e fun a velo sendo el director de FARO DE VIGO. Dixome: ‘Ti vas a ser o noso corresponsal en París’ e deulle igual que eu escribise para outro xornal: deu orde de cada vez que se falase de min en FARO se puxera que eu era o seu corresponsal. Cunqueiro era unha persoa encantadora, pero tardei en coñecelo de todo. Antes de que morrese fun a Vigo a velo e lembro que lle dixen: “Eu fun vítima do estalinismo e ti tamén. Dixéronme que foras franquista e non te quixen ler. Logo dixéronme que eras extraordinario e descubrinte agora’. Miroume como puido e sorriu. Morreu na semana seguinte, mais eu quedei tranquilo e apaciguado por poder dicirlle aquilo en vida.

–A historia da súa entrada en Triunfo tampoco está mal. Como foi a súa entrevista co escritor cubano Alejo Carpentier?

–Tras entrar eu en lugar de Ramón Luis Acuña o primeiro traballo que tiven que facer foi unha entrevista con Alejo Carpentier. Despois de estar falando un bo rato dixenlle que de alí a unha semana lle enviaría a entrevista. E vai el e dime que non, que ía ser el o que me enviase a entrevista. Así foi e o que me mandou eran unhas preguntas e respostas que non tiñan nada que ver co que falaramos. Pero eu publiqueino así e saiu en primeira páxina. Logo propuxéronme facer un libro de entrevistas [risas].

–A relación co seu pai foi moi complicada. El quería que fose pianista e vostede acabou sendo xornalista

–Botoume da casa cando me fun para París e casei cunha muller que era filla de comunistas. Volvín a Vilalba cando xa nacera o meu fillo Manu para reconciliarme con el e atopeino no hotel facendo solitarios, que lle gustaban moito. Tras estar alí un cuarto de hora sen que nos fixera nin caso volvín marchar. Pero aínda así, todo canto son llo debo a el. El quería que fose Chopin, Bethoven… todos xuntos e agora non podo parar ata que sexa Cervantes. Meteume no corpo esa ansia de trascender e cando un ten unha meta imposible segue traballando para sempre.

–Ao final algo do desexo do seu pai acabouse cumprindo: o seu fillo Manu non é pianista, pero si músico.

–Tanto a Manu como ao seu irmán comecei a ensinarlles piano. Pero unha vez a miña muller dixome: ‘Coidado, que te estás convertindo no teu pai’. Así que lles dixen que se acabara o piano, pero non a música. Dinlles a escoller un instrumento e Manu elexiu a guitarra e Antoine a batería. Os metín no Conservatorio, pero ao pouco tempo sairon porque para o que querían facer non lles facía falta.

–O presidente da Asociación Amigos de Johán Carballeira pediulle no acto de hoxe [por onte] que asumise o papel de padriño deste premio de xornalismo para axudar a impulsalo. Está disposto a recoller esa oferta?

–Sí, estaría moi honrado de colaborar en todo o que poda e que teña algo que ver con Galicia. Xa lles dixen que estou disposto a incluir unha reseña nun número de Le Monde Diplomatique cando se convoque o certame e as súas datas para a presentación dos traballos.

David García. BUEU

One Comment leave one →
  1. baldo permalink
    20 abril, 2011 13:44

    Felicidades Ramón

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: