Skip to content

“Estamos a asistir á caída do imperio dos EEUU, pero os que veñan non serán mellores

23 diciembre, 2011

RAMÓN CHAO, XORNALISTA DE ‘LE MONDE DIPLOMATIQUE’.

Galicia hoxe, 28.02.2007 .  O escritor galego vaticina un cambio mundial sen consecuencias positivas. Converte a falacia do choque de civilizacións “nunha cuestión puramente económica e política” e considera que o maio do 68 “foi unha vacina temporal feita por señoritos”

Pelo branco e chupa de coiro e certa incitación a lle espetar ao paso calquera grosería trasnoitada – os vellos rockeiros nunca morren, ou algo así–. Ramón Chao anuncia aquilo de todo cambia para que todo siga igual que xa nos advertía no seu día Lampedusa, pero coa tenrura do que continúa a crer en movementos perdidos –Cuba, Venezuela, Bolivia ou Ecuador– para os que en Europa xa non existe esperanza. Onte falou con GALICIA HOXE nun encontro previo ao coloquio sobre a realidade social organizado na Sede da Fundación Caixa Galicia de Santiago dentro do ciclo de conferencias itinerantes do proxecto Viradeiras.

Galego residente en París desde hai medio século, onde traballa para Le monde diplomatique; escritor e grande coñecedor da intelectualidade internacional revolucionaria, como María Casares ou Carpentier, cre que foi afortunado na súa experiencia migratoria porque chegou a Francia no 1955 “cando estaba a despegar, na primeira das tres décadas gloriosas iniciadas por Valéri Giscard d’Estaing, que foi o que abriu as portas para a industria, sobre todo automobilística”.

Para Chao, os disturbios orixinados en Francia a partir dos incidentes do distrito de inmigrantes de Clichy-a-Garenne non son aillados e  gardan semellanza en España cos altercados de Alcorcón –onde se  produciron pelexas entre Latin Kings e mozos desa localidade–; “un anticipo do que vai a acontecer, porque como Clichy hai centos doutros lugares –apunta–, pero este saíu moito á luz porque foi alí  Sarcozy a insultalos, aínda que agora non se atreve a pisalo, a menos que vaia rodeado por cincuenta policías”.

E cal é para vostede a raíz do problema?
O liberalismo. Condúcenos inevitábelmente a esta situación, á deslocalización, coa salvedade de que a maioría dos representantes da inmigración en España son de lingua española. Cando nos conveu fomos a madre patria, agora xa non. Nin de Venezuela, nin de Cuba, aínda que de Chile si, porque segue un modelo neoliberal. O problema de Clichy vén motivado polo neoliberalismo salvaxe, unha sociedade onde desaparece o Estado e as grandes empresas se organizan e deciden o futuro das sociedades, contratan e despiden traballadores ao seu antollo sen que estes poidan ter protección do Estado.

O problema xestado no colonialismo francés
Pero o estado actual é froito tamén da historia de traición do país galo coas súas colonias. “Francia herdou moitos inmigrantes despois das guerras coloniais, de Indochina, Vietnam e sobretodo de Alxeria –continúa Chao–, onde moitos loitaron a favor de Francia traicionando o seu país, e que logo foron abandonados por ela sen xubilación e sen nada, polo que se creou neles un odio terríbel que llelo traspasaron aos seus fillos e aos netos, algo que se daba moito en Clichy”.

Pero iso non ten nada que ver co recurso do choque de civilizacións que desmontaba no seu día Carlos Taibo. Ou si?
Non, non. É puramente económico e agora, ademais, político. Non existe tal choque aínda que é certo que os musulmáns radicais queren botar abaixo o imperio e o están a conseguir. Coido que o Imperio americano está a se fender,  que estamos a asistir ao derrubamento dun Imperio, o que non quere dicir que os que veñan vaian ser mellores. Os que parece que están chamados a substituílo son China e India e, aínda que o primeiro aplica o neocapitalismo para a producción e logo ten unha política social de grandes axudas que conserva documunismo. Se China se converte no novo Imperio reaxirá como o fixeron todos os imperios ao longo da historia. Os ramallazos de Estados Unidos neste inicio da caída son os máis perigosos. É como no filme Fol amour. Un tolo como este pode lanzar a bomba atómica onde lle veña en gana.

O panorama non semella bo. Ademais, movementos franceses como o dos ‘sen teito’ parece que se esvaeceron de súpeto logo da grande repercusión inicial… É unha impresión mediática ou é real?
Hai unha pasaxe no Quixote, cando volve a casa por vez primeira e atopa un labrego que está a lle pegar a un empregado. O Quixote métese no medio e consegue solucionar o problema, pero cando dá a volta o outro colle ao rapaz e comézalle a pegar. Isto é o que está a pasar cos sen teito. O fundador dos ‘Fillos de Don Quixote’, Agustín Legrand, un mozo moi noble, creou todo o mevemento e funcionou moi ben só porque en Francia estabamos en campaña electoral e todos foron moi permisivos. Pero Legrand tivo que marchar quince días a rodar unha película a África e cando volveu xa non quedaba nada daquelas boas intencións. E é que o que non comprenden estes rapaces é que unha acción aillada non serve para nada e que a xente á que se lle quere axudar son residuos humanos desta sociedade neoliberal e non van executar eles o cambio. Son insurxentes natos. Están a pasar cousas graves; desde hai tres meses na Renault suicidáronse tres obreiros, porque xa non poden manter o ritmo, pero estas cousas acálanse. Os sindicatos contestaron, pero non se fala moito. Isto non ten solución. Pode haber iniciativas persoais, pero non ten ningunha saída e non creo que vaia cambiar porque a sociedade está organizada polos que mandan. Agora hai eleccións en Francia. Quen pode gañar? A dereita, a outra dereita, que son os socialistas, ou o centro dereita. Pero a esquerda e a extrema esquerda non se poderá presentar ás eleccións por esa táctica das cincocentas sinaturas esixidas. Consecuencia? 15 por cento dos franceses non estarán representados nas eleccións. En Europa non haberá cambio, non se van estender movementos latinoamericanos como os de Cuba, Venezuela, Bolivia ou Ecuador.

Non cre que os do maio do 68 se renderon demasiado pronto? Que pensa agora dun movemento revolucionario como aquel que acabou cedéndolle o paso inmediato á dereita?
É que do maio do 68 foi unha vacina temporal do neoliberalismo incipiente e que, cando acabou todo, se elixiu a si mesmo. Aquilo foi moi bonito; eu estiven alí e participei, pero foi aire. É moito máis interesante o de agora. Aqueles eran señoritos.

Viradeiras, darlle a volta á tortilla

Viradeira –especie de escumadeira ou pa plana que serve para darlle a volta ao que se frite ou asa– é o título da homenaxe que a Obra Social Caixa Galicia estalle a facer ao traballo das ONG galegas. “Hai milleiros de persoas en Galiza que se esforzan e loitan todos os días –comenta o director da Obra Social de Caixa Galicia, Manuel Aguilar, durante a presentación da charla de Ramón Chao en Santiago–. Viradeiras é un recoñecemento e un intento de darlle visibilidade ás preto de 1.000 asociacións que fan que a sociedade galega sexa mellor e coas que levamos traballando moito tempo”. Por máis estrano que resulte que os bancos se alcen como defensores da xustiza social, Viradeiras consegue aprofundar nun tema a cotío ignorado polos medios. MARGA TOJO . Galicia hoxe, Santiago,  28.02.2007.


No comments yet

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: