Skip to content

Pepe Chao, visto por Anxo Ferreiro

6 febrero, 2016
Pepe Chao

Pepe Chao, na súa etapa en Sta. Mariña

Artículo publicado en A Voz de Vilalba, 5 febrero, 2016

Anxo Ferreiro Currás.- Con  moito gusto respondo, con estas letriñas dedicadas a Pepe Chao, á petición que me fai Moncho Paz de un artigo para o periódico A Voz de Vilalba. E digo con moito gusto porque fun seu seguidor unhas veces máis achegado  e outras máis alongado aínda que sempre admirador seu, como rural da parroquia de Boizán  a un urbán da vila de Vilalba, unidos polo pequeno anaco da estrada N-634,  chegando a compartir pastoral na contorna de Ferrol.Para min Chao foi: indispensabel, escaso e sobrado. Explícoo. Foi indispensabel cando pasou xa coma un lóstrego nos poucos anos polo Seminario de Mondoñedo; despois nese tempo meu de aprendiz de crego irlle ver a súa forma nova de ser cura na parroquia Sta Mariña do Vilar de Ferrol; a chamada que me fixo para irmos compartillar na equipa das parroquias do cincho de fóra portas nesta cidade departamental e obreira; a súa perspectiva renovadora da Igrexa que alumaba horizontes abraiantes na doutrina do Vaticano II, na pastoral da Igrexa como pobo de Deus, que anuncia a Boa Nova do Evanxeo. Naquel tempo, a finais dos cincuenta, veu traer a Ferrol un novo comportamento do crego na parroquia coa supresión dos estipendios da misa e dos sacramentos, coa rachadura da veneración do “don” do crego sentíndose un veciño máis, Pepe Chao, coa xente deste pobo de Santa Mariña do Vilar, que convidaba ao crego a comer o caldo como un máis da familia. Tivo sona a renovación litúrxica coa participación dos fieis  ao redor da mesa da Eucaristía, pois xa non se chamaba Misa, pois deixaba de ser unha obriga e ter valor pecuniario para pasar a ser o encontro dos irmáns a carón do Evanxeo e compartindo o Pan da Cea do Señor. Mais isto levaba consigo deixar de ser opio do pobo que din os marxistas e facer da vivencia relixiosa un compromiso profético de denuncia da problemática obreira, dos abusos sociais, concretamente do franquismo: penas de morte que aínda seguía a practicar a ditadura nos anos sesenta e setenta do século pasado, torturas que practicaban nas comisarías até tal punto que vítimas acabaron coa vida neses antros policiais, que o tapaban todo con certificados de suicidios; cárceres e condenas duras contra os promotores de sindicatos clandestinos que denunciaban tanto abuso social e político. A todo isto algúns cregos comprometidos responderon coas denuncias puntuais con valentía e loita xa serodiamente, todo hai que dicilo, aínda que en pago non deixaron de sufrir cárceres, multas, desprestixio e calumnias, sen ter, en xeral, a defensa dunha xerarquía española que seguía a defender a ditadura. Todo isto  pódese comprobar amplamente no libro de Rosa Cal, Curas contra Franco (Embora, Ferrol, 2012).

E foi aquí onde o noso Chao se sentiu sen forzas e sen gañas de loita nun campo que a el non se lle daba. Escaso, emporiso, pareceume a min, cando os compromisos de rachar co nacional catolicismo e acoller a todos os movementos perseguidos pola ditadura de Franco, sobre todo nos movementos obreiros e en concreto CC.OO. Non chegou a comprender ben o traballo do seu compañeiro Vicente Couce. Emporiso, Chao sufriu persecución por verse mesturado en compromisos sociais que el non vía, e tivo que ir acompañado de Vicente ao TOP, Tribunal de Orden Público, un tribunal que traballou arreo na ditadura. Chao foi absolto e Vicente sufriu cárcere na prisión concordataria de Zamora. Deste tempo é unha pintada humilde mais reivindicativa nos muros do cuartel da Guardia Civil, moi cerca da parroquia, que durou  tempo e que dicía simplemente: José e Vicente. Para Chao resultou ser unha pexa por verse afastado da estela eclesiástica cara o bispado. Non valeron de moito, mellor dito de nada, as firmas e apoios na Galiza enviadas á Nunciatura para promovelo á mitra en tempos axeitados do papa Paulo VI. Deixou despois Santa Mariña para desenrolar un traballo, outra vez máis abraiante, de intelectual e promotor da Galiza. Non hai moito tempo volveu a Santa Mariña para recibir unha homenaxe daquel pobo benquerido, e ver a Igrexa pechada por ameazas de ruína que no seu tempo ampliara sobre unhas bases moi deficientes pola falla de cimento do nacional catolicismo, (que o lector pode entendelo literal ou metafóricamente). “De alí aínda –din- rezuma a labor comunitaria e reivindicativa na parroquia de Santa Mariña”. Nesta igrexa tamén quedou unha obra de arte ben fermosa que se se mira polo ollo da pechadura ou polas regandixas da porta vese  O Pantocrator de Segura Torrella mesmo no ábside  detrás da Mesa da Eucaristía.

Neste campo da súa labor intelectual foi sobrado, tamén para min con grande admiración. Abraiou no comezo da democracia co libro LA IGLESIA EN EL FRANQUISMO, 1976. Libro tamén “indispensabel -en palabras de Xulio Lois- para coñecer a Igrexa de Franco”. A este tema aínda lle engadiu no mesmo ano outro libriño popular titulado La Iglesia que Franco quiso, editado por Mañana, D. L;  Iglesia y Franquismo. 40 anos de Nacional-Catolicismo, 3C3 Ditores, 2007.  E non deixou de tratar o tema teolóxico do integrismo co libro Marcel Lefebvre. Un integrismo histórico. Participou en revistas internacionais en temas teolóxicos, eclesiásticos e sociais.

Mais, convertido ao galeguismo, destacou sobradamente na súa labor inmensa de  intelectual na Igrexa Galega, nos movementos galeguistas da Asociación Irimia, na revista IRIMIA  e nas Romaxes de Crentes Galegos. Nesta nosa Igrexa galega que non acaba, ou aínda non comeza, de asumir a galeguización da súa pastoral, non deixa de haber algúns grupos testemuñais que Chao alimentou coa súa bibliografía: Por aquí chégase a Galiciaeditado por 3C3 Editores, 2012; Itinerario de conciencia galega, de 2014; A Biblia popular galega, do 2004;Historia do pobo de Xesús, edicións do Castro, 1987. O tema sexual e celibato e a homosexualidade foi desenrolado nos seus libros, contrarrestando aquelas prédicas do bispo de Mondoñedo, Mons. Gea Escolano,  O sexo. A muller e o crego, 2004; A condición homosexual, 1999.

E na Galiza atópanse os dous irmáns Chao, José e Ramón, co tema de Prisciliano. Ramón facendo en moto o camiño de investigación de Prisciliano dende Tréveris, onde Prisciliano sufrira o martirio, pasando por Tours, até Santiago, camiño que recorreran os seus discípulos para traer o seu corpo a Galicia. Como bo presaxio, nesta camiño á Terra ven acompañado do seu fillo Manu Chao, que estaba a pasar unha depresión pola rachadura do conxunto  Manu Negra, confesándolle a seu pai: “presiento que mi salvación está en Galicia”. E deste percorrido escribe o libro O Camiño de Prisciliano (Espiral Maior, A Coruña). Ramón sigue a promover esta figura para Galiza (www.prisciliano.eu). Un pouco antes xa Pepe Chao escribira Prisiciliano, profeta contra o poder (Promoción Culturais Galegas de A Nosa Terra, 1999). Estes dous libros son estudos moi interesantes para coñecer este personaxe do século IV transcendental para Galicia, primeiro mártir que executaron as mesmas autoridades eclesiásticas. E con clara proba histórica na competencia de Santiago. Xa enfermo tivo forzas aínda para escribir un interesante ensaio A Humana Fraxilidade, editado por Irimia.

En Vilalba, o seu pobo natal, recibiu homenaxes para que perdure a súa memoria entre os vilalbeses fachendosos de termos como amigo e compañeiro ao noso irmán Pepe Chao.

No comments yet

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: